Unha sondaxe elaborada pola Facultade de Políticas da Universidade de Santiago apunta a que o PSOE gañaría as eleccións en Galicia aínda que sen maioría, o PP baixaría substancialmente e o BNG practicamente manteríase.O traballo, presentado pola decana da facultade de Políticas e directora do barómetro, Nieves Lagares, e o catedrático Ramón Máiz, consistiu en 2.000 entrevistas, cincocentas por provincia, cunha marxe de erro do 2,2% e revela que, a pesar de que o PSOE gañaría, descendeu a valoración do Goberno galego respecto ao pasado ano en case once puntos.
Respecto da intención de voto, Lagares apuntou que se trata da primeira vez desde que se fai a enquisa na que o PSOE gañaría as eleccións. Así, en intención directa de voto máis simpatía, o PSDEG obtería un 29%, o PP un 17,9 e o BNG un 14,4. Trasladado a escanos, os socialistas obterían 31, seis máis dos que dispón actualmente; o PP 29, oito menos, e o BNG quince, un máis.
A decana de Políticas considera que o liderado do actual presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, é un dos eixos para esta «mobilización» en torno ao PSOE.
Valoración do goberno
De acordo coa sondaxe, un 51,8% dos enquisados valora a xestión do Goberno galego no seu primeiro ano, aínda que esta cifra supón unha caída respecto ao pasado ano, xa que entón era do 62,1.
Ademais, un 40% opina que a coalición de Goberno mostra «bastante estabilidade», aínda que é menor a porcentaxe de quen o ven pouco estable (o 30,6) ou nada (o 12,4).
Respecto da valoración dos partidos políticos, o PSOE alcanza un 5,35; un 4,71 o BNG e un 3,75 o PP, datos que reflicten unha «certa erosión» en todos eles respecto ao anterior barómetro.
Líderes
Ademais, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, é o líder máis valorado, con 5,7 puntos, seguido do vicepresidente, Anxo Quintana, cun 5,1, mentres o líder popular, Alberto Núñez Feijóo, obtén un 4,18.
Lagares destacou que a baixa puntuación de Feijóo previsiblemente é atribuíble ás dificultades de comezar un liderado desde a oposición porque «dicimos que o Goberno desgasta aos líderes pero a oposición moito máis».
Na enquisa, ademais, Anxo Quintana tamén é o que os enquisados consideran que pode loitar polos intereses dos galegos, cun 9,8, seguido de Pèrez Touriño, cun 6,9 e Feijóo recibe un 2,7.
De acordo co traballo, un 35,1% dos galegos ven boa a tarefa desenvolvida polo Goberno galego e un 36 considérana regular mentres só o 15 entende que foi mala.
Segundo apuntou Máiz, por primeira vez nas 9 veces que se fixo este barómetro a valoración do Executivo é superior á dos concellos, no que pode influír as polémicas urbanísticas recentes, dixo.
A pesar de que os enquisados valoran o Goberno, mostran unha postura crítica respecto da situación económica de Galicia, posto que un 19,7 vea boa; un 38,8, regular e un 31,1 opina que é mala.
Situación política
Con todo, respecto da situación política os galegos cren que é positiva, aínda que se pasou dun 39% que en 2005 crían que era boa ou moi boa ao 30, un descenso que Máiz atribuíu á «euforia» do pasado ano tras o cambio na Xunta que supuxeron as eleccións.
O barómetro, ademais, apunta que unha maioría de galegos, o 69%, opina que Galicia debería quedar como está agora na súa configuración autonómica, unha cifra similar á que ofreceran anteriores sondaxes.
(Axencias)

« back home